Xornal convídate ás funcións na Coruña! No Forum Metropolitano. Sábado 9 de abril, 20.30. Domingo 10 de abril, 19.00
Chama ao 902 212 144 (Horario: 09:30 a 14:30 de luns 4 a xoves 7) ou escribe a concurso@xornaldegalicia.com, indicando nome e apelidos, teléfono de contacto, DNI e día de asistencia. Máximo 2 entradas por persoa.
PRESSING CATCH
Vivimos na era do medo: limita a nosa liberdade e fainos manipulables, bonecos das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación, do poder. É curioso que un dos programas televisivos de maior éxito sexa o da violencia teatralizada.
Berrobambán usa convencións e a estética do pressing catch, pero os seus loitadores e loitadoras non son Hulk Hogan: son xente cotiá, somos calquera de nós loitando pola supervivencia. “Hoxe tocoulles estar entre o público, pero mañá, calquera de vostedes pode estar no ring”. Esa é a proposta de Paula Carballeira, autora dun texto audaz e combatente. Ao talento da escritora, unha voz fundamental no teatro galego contemporáneo, súmase, na dirección, a do dramaturgo e actor Quico Cadaval.
Malia prestarlle especial atención nas últimas montaxes ao público familiar, a compañía aposta agora por un espectáculo para xente moza e adulta, na liña de producións anteriores coma NdCe Vendetta: un DJ introduce personaxes moi próximos, pero que viven e empregan a violencia de formas distintas.coma Lola, que non ten nada, nunca tivo nada, só os tacos que lle saen pola boca e a actitude macarra. Unha "poligoneira"; o Hellmaster, avogado de éxito profesional, pero cunha vida familiar que non é quen de xestionar; e A Chorona, experta na chantaxe emocional e no vitimismo. Todos eles controlados por un Árbitro que non quería selo, un eterno perdedor nun mundo de gañadores. Pero... alguén ten que pór orde no caos.
Outros rings fóra do escenario
Pressing Catch vai alén da montaxe, abranguendo música, audiovisual ou multimedia. O espectáculo, amais de actuacións musicais en directo, achega pequenascurtametraxes realizadas por Carlos Alberto Alonso, que contan a vida do e das protagonistas cando están fóra do ring.
O texto dramático de Carballeira está editado por Edicións Positivas, co deseño gráfico de Hidalgo & Bértolo. Tamén a compañía lanzou unha iniciativa musical: un certame de cancións en galego en que participaron 24 grupos. Ao longo de tres meses, deuse conta das súas achegas a través do blog Berrobambán's Pressing Catch, e da plataforma www.komunikando.net, onde aínda se poden escoitar e descargar. Logo da deliberación dun xurado composto por Xurxo Souto, Pablo Novoa, Belén Regueira e María Yáñez, Quico Cadaval e Paula Carballeira, escolléronse doce temas que foron recollidos no CD Pressing catch. 12 cancións dende o ring.
O libro e o CD poden adquirirse a través de Toupa.net
Realización e montaxe vídeo loitadoras:
Carlos Alberto Alonso
Animacións vídeo e documentación:
Pablo Cayuela
Fotografía:
Mónica Gago
Deseño gráfico e da web:
Hidalgo#Bértolo
Programación web:
Idea Gráfica
Contidos Didácticos Web:
Begoña Chouciño e Miguel Vázquez Freire
Contidos Cultura Urbana:
Leo F. Campos
Residencia Técnica:
Sala Nasa
Agradecimentos:
Roberto Salgueiro, Xacobo Torres “Coco”, José Manuel Ferreiro, Fran Corral, Tomás Lijó, Tomás Montes, María Yáñez, Belén Regueira, Xurxo Souto, Pablo Novoa, Colexio Raíña Fabiola e, de forma moi especial, a todas as persoas que colaboraron desinteresadamente para facer posible este proxecto.